Publicador de contidos

Asistencia xurídica gratuíta

É un trámite por medio do cal se recoñece, a quen acredite carecer de recursos económicos suficientes, unha serie de prestacións consistentes principalmente na dispensa do pago de honorarios de avogado e procurador, gastos derivados de peritaxes, fianzas, taxas xudiciais, etc.

O dereito á asistencia xurídica gratuíta comprende, en liñas xerais, as seguintes prestacións:

  • Asesoramento e orientación gratuítos con carácter previo ao inicio do proceso.
  • Asistencia de avogado ao detido ou preso.
  • Defensa e representación gratuítas por avogado e procurador no procedemento xudicial.
  • Inserción gratuíta de anuncios ou edictos, no curso do proceso, que preceptivamente se deban publicar en periódicos oficiais.
  • Exención de taxas xudiciais, así como do pagamento de depósitos para a interposición de recursos.
  • Asistencia pericial gratuíta nos termos establecidos na lei.
  • Obtención gratuíta de copias, testemuños, instrumentos e actas notariais.
  • Redución do 80% dos dereitos arancelarios que correspondan por determinadas actuacións notariais.
  • Redución do 80% dos dereitos arancelarios que correspondan por determinadas actuacións dos rexistros da propiedade e mercantil.

Poden solicitalo aqueles cidadáns que, estando inmersos en calquera tipo de procedemento xudicial ou pretendendo inicialo, carezan de patrimonio suficiente para litigar.

Recoñeceráselles o dereito de asistencia xurídica gratuíta a aquelas persoas físicas que, carecendo de patrimonio suficiente, conten cuns recursos e ingresos económicos brutos, computados anualmente por todos os conceptos e por unidade familiar, que non superen os seguintes limiares:

  • Dúas veces o indicador público de renda de efectos múltiples vixente no momento de efectuar a solicitude cando se trate de persoas non integradas en ningunha unidade familiar.
  • Dúas veces e media o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) vixente no momento de efectuar a solicitude cando se trate de persoas integradas nalgunha das modalidades de unidade familiar con menos de catro membros.
  • triplo do dito indicador cando se trate de unidades familiares integradas por catro ou máis membros.

Constitúen modalidades de unidade familiar: para a determinación deste concepto nas súas diversas modalidades atenderase ao establecido na Lei do imposto sobre a renda das persoas físicas, equiparándose, para estes efectos, aos cónxuxes non separados legalmente as parellas de feito constituídas de conformidade cos requisitos que lles sexan esixibles.

En concreto, terán dereito á asistencia xurídica gratuíta:

  • Os cidadáns españois, os nacionais dos demais Estados membros da Unión Europea e os estranxeiros que residan en España, cando acrediten insuficiencia de recursos para litigar.
  • As entidades xestoras e servizos comúns da Seguridade Social.
  • As seguintes persoas xurídicas, cando acrediten insuficiencia de recursos para litigar:
    • Asociacións de utilidade pública.
    • Fundacións inscritas no rexistro administrativo correspondente.
  • Na orde xurisdicional social: os traballadores e os beneficiarios do sistema de Seguridade Social.
  • Na orde xurisdicional penal: terán dereito á asistencia letrada e á defensa e representación gratuítas todos os cidadáns, mesmo que sexan estranxeiros, que acrediten insuficiencia de recursos para litigar, aínda que non residan legalmente en territorio español.
  • Na orde contencioso-administrativa: os cidadáns estranxeiros que acrediten insuficiencia de recursos para litigar, aínda que no residan legalmente en territorio español, terán dereito á asistencia letrada e á defensa e representación gratuítas en todos aqueles procesos relativos á súa solicitude de asilo e á Lei de estranxeiría (incluída a vía administrativa previa).
  • No colexio de avogados do domicilio do solicitante.
  • No xulgado do domicilio do solicitante ou no que se tramita o procedemento xudicial, que lle remitirá a solicitude ao colexio de avogados.

O Consello Xeral da Avogacía Española pon á disposición dos cidadáns o portal web Xustiza Gratuíta, desde o cal se poderá obter máis información ou comprobar se se cumpren os requisitos económicos esixidos para beneficiarse do dereito á asistencia xurídica gratuíta, entre outras funcionalidades.

Unha vez presentada a solicitude, os servizos de orientación xurídica dos colexios de avogados examinarán a documentación presentada, e se aprecian que é insuficiente ou que na solicitude existen deficiencias concederanlle ao interesado un prazo de 10 días hábiles para o saneamento dos defectos.

Analizada a solicitude, e saneados, se for o caso, os defectos advertidos, o colexio de avogados debe resolver se o solicitante reúne os requisitos necesarios:

  • Se o colexio de avogados estima que o solicitante cumpre os requisitos legalmente establecidos para obter o dereito á asistencia xurídica gratuíta, procederá no prazo máximo de 15 días, contados a partir da recepción da solicitude ou desde o saneamento dos defectos, á designación provisional de avogado, e comunicarallo no mesmo momento ao colexio de procuradores para que, dentro dos 3 días seguintes, designe procurador se a súa intervención é preceptiva.
  • Se, polo contrario, o colexio de avogados estima que o solicitante non cumpre os requisitos necesarios ou que a pretensión da solicitude carece de fundamento, comunicaralle ao solicitante, nun prazo de 5 días, que non efectuou o nomeamento provisional de avogado e, ao mesmo tempo, trasladaralle a solicitude á Comisión de Asistencia Xurídica Gratuíta para que esta resolva.

Cando o colexio de avogados, no prazo de 15 días contados desde a recepción da solicitude ou, se for o caso, desde o saneamento dos defectos advertidos, non emita decisión ningunha respecto da designación provisional de avogado, o solicitante poderá reiterar a súa solicitude ante a Comisión de Asistencia Xurídica Gratuíta correspondente.

Cando lle corresponda resolver sobre a solicitude de asistencia xurídica gratuíta á Comisión de Asistencia Xurídica Gratuíta, esta, unha vez realizadas as comprobacións pertinentes, ditará unha resolución recoñecendo ou denegando o dereito á asistencia xurídica gratuíta no prazo máximo de 30 días contados desde o da recepción do expediente completo.

  • De acoller favorablemente a solicitude, establecerá na resolución cales das prestacións que integran o dereito lle son de aplicación ao solicitante. A resolución acolledora do dereito implicará a confirmación das designacións de avogado e, se for o o caso, procurador efectuadas provisionalmente polos colexios profesionais. No suposto de que as ditas designacións non se produciran, a Comisión de Asistencia Xurídica Gratuíta requirirá inmediatamente dos colexios o nomeamento de avogado e procurador (este último, cando sexa necesario).
  • De desacoller a solicitude, as designacións realizadas previamente polos colexios profesionais quedarán sen efecto e, polo tanto, o solicitante terá que designar o avogado e procurador que el mesmo elixa.
  • De non pronunciar resolución no prazo de 30 días desde a recepción do expediente completo, a solicitude entenderase acollida, polo que:
    • Se o colexio de avogados designou avogado de forma provisional, a designación quedará confirmada, así como, se for o caso, a de procurador.
    • Se o colexio non adoptou ningunha decisión sobre a designación, neste caso tras solicitude do interesado, o xuíz ou tribunal que coñeza do proceso (ou o xuíz decano competente se a solicitude se realizou antes da iniciación do proceso) procederá a requirir dos colexios profesionais a designación de avogado e, se for o caso, procurador.

As resolucións das comisións de asistencia xurídica gratuíta que recoñezan ou deneguen o dereito poderán ser impugnadas mediante escrito motivado que se presentará na secretaría da correspondente comisión no prazo de 5 días. Será competente para resolver a impugnación o xulgado ou tribunal que estea a coñecer do litixio, ou se aínda non se iniciou o proceso, o órgano xudicial a quen lle correspondería coñecer, sen que exista posibilidade de recurso posterior.

Para obter más información e solicitudes de recoñecemento, diríxase aos servizos de orientación xurídica dos distintos colexios de avogados de España ou ao Consello Xeral da Avogacía Española.

Datos requiridos para iniciar a tramitación:

  • Nome e apelidos.
  • Número do DNI.
  • Lugar e medio preferente para os efectos de notificacións.
  • Data da solicitude.
  • Datos persoais do cónxuxe.
  • Identificación dos familiares que convivan co solicitante.
  • Datos acreditativos da situación económica do interesado e da súa unidade familiar (ingresos, propiedades...).
  • Circunstancias persoais e familiares (estado de saúde, obrigas económicas...).
  • Pretensión que se quere facer valer ante os tribunais e fase procesual en que se encontra.
  • Identificación da parte ou partes contrarias no litixio, se as houber.

Documentación a presentar:

Non todos os documentos que se relacionan a seguir son necesarios en todos os casos, senón que haberá que atender a cada caso en función da situación propia de cada solicitante e das circunstancias que alegara na súa solicitude, que serán as que deberá acreditar documentalmente. En todo caso, a seguir facilítase unha lista aproximada de que documentación pode ser necesario achegar en cada caso:

  • Fotocopia do DNI, pasaporte ou tarxeta de residencia do solicitante.
  • Certificado de liquidación do IRPF e imposto sobre o patrimonio (de toda a unidade familiar).
  • Certificado de liquidación do imposto sobre sociedades (no caso de persoas xurídicas).
  • Fotocopia da declaración de utilidade pública ou da inscrición no Rexistro de Fundacións (no caso de persoas xurídicas).
  • Fotocopia do permiso de circulación ou certificado da xefatura provincial de tráfico (só en caso de delitos contra a seguridade do tráfico).
  • Certificado de signos externos do concello onde radica o domicilio.
  • Fotocopia do libro de familia.
  • Certificado de empadroamento.
  • Certificado de empresa de conceptos salariais.
  • Certificado do SEPE de período de desemprego e percepción de subsidios.
  • Fotocopia do contrato de arrendamento da vivenda habitual ou, se for o caso, copia do recibo mensual.
  • Fotocopias de títulos de propiedade de bens inmobles. Certificado de valores.
  • Outros (calquera documento que sirva para acreditar os datos alegados).

Requisitos para poder solicitar o beneficio de xustiza gratuíta:

Persoas físicas:

Que se litigue en defensa de dereitos e intereses propios, ou de alleos cando teñan fundamento nunha representación legal (neste caso, os requisitos para a obtención do beneficio virán referidos ao representado).
Con independencia da existencia de recursos para litigar, recoñéceselles o dereito de asistencia xurídica gratuíta (que se lles prestará de inmediato) ás vítimas de violencia de xénero, de terrorismo e de trata de seres humanos naqueles procesos que teñan vinculación, deriven ou sexan consecuencia da súa condición de vítimas, así como aos menores de idade e ás persoas con discapacidade psíquica cando sexan vítimas de situacións de abuso ou maltrato.

Con independencia da existencia de recursos para litigar, recoñéceselles o dereito de asistencia xurídica gratuíta a aquelas persoas que por causa dun accidente acrediten secuelas permanentes que lles impidan totalmente a realización das tarefas da súa ocupación laboral ou profesional habitual e que requiran a axuda doutras persoas para realizar as actividades máis esenciais da vida diaria, cando o obxecto do litixio sexa a reclamación de indemnización polos danos persoais e morais sufridos.

Persoas xurídicas:

Que se trate de asociacións declaradas de utilidade pública ou de fundacións inscritas no rexistro administrativo correspondente.

Que a súa base impoñible no imposto sobre sociedades sexa inferior á cantidade equivalente ao triplo do IPREM en cómputo anual.

O IPREM, segundo a Lei de orzamentos xerais do Estado do ano 2023, ascende a: 20 € diarios, 660 € mensuais, 7.200 € anuais [disposición adicional nonaxésima da Lei 31/2022, do 23 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2023 (BOE do 24 de decembro de 2022)].