Poxas xudiciais
Poxas xudiciais
A poxa xudicial é un dos medios que permiten transformar en cartos os bens hipotecados ou embargados para que o debedor demandado poida pagar a débeda reclamada coa cantidade obtida nela. Pódese poxar todo o que teña un valor económico: bens inmobles, vehículos, mobles (xoias, cadros, maquinaria, etc.) e calquera outra clase de bens ou dereitos.
En outubro de 2015 púxose en marcha o sistema de poxas electrónicas a través dun portal único de poxas xudiciais e administrativas na Axencia Estatal Boletín Oficial do Estado, segundo o procedemento contemplado na Lei 19/2015, do 13 de xullo, de medidas de reforma administrativa no eido da Administración de xustiza e do Rexistro Civil que persegue dous obxectivos claros: por unha banda, a transparencia do procedemento e, pola outra, a obtención da maior rendibilidade posible pola venda dos bens. A existencia dun único portal de poxas permitirá ao cidadán, unha vez rexistrado nel, unha maior facilidade para intervir nelas, xa que a forma de realizar o depósito para participar será habitual para as poxas xudiciais e administrativas, non terá que desprazarse ás sedes ou oficinas para realizar as poxas e permitiralle recibir alertas sobre poxas de bens nas que poida estar interesado.
Presentación do Portal de Poxas Xudiciais Electrónicas
Estas poxas poden incluír diferentes tipos de bens:
- Bens inmobles: vivendas, garaxes, soares, etc.
- Bens mobles: maquinaria, moblaxe, etc.
- Vehículos: turismos, vehículos industriais e outros vehículos.
O artigo 645.1 da Lei de axuizamento civil, logo da modificación introducida pola Lei 19/2015, do 13 de xullo, de medidas de reforma administrativa no eido da Administración de Xustiza e do Rexistro Civil, establece que a convocatoria da poxa se anunciará no “Boletín Oficial del Estado” e que o devandito anuncio servirá de notificación ao executado non persoado. O Letrado da Administración de Xustiza perante o que se siga o procedemento de execución ordenará a publicación do anuncio da convocatoria da poxa, remitíndoo co contido ao que se refire o artigo seguinte e de forma telemática ao “Boletín Oficial del Estado”. Do mesmo xeito, e a título meramente informativo, o anuncio da poxa publicarase no Portal da Administración de Xustiza.
Na seguinte ligazón pódese acceder ao Portal de poxas electrónicas xudiciais na Axencia Estatal Boletín Oficial do Estado.
Poxas Xudiciais Electrónicas na Axencia Estatal Boletín Oficial del Estado
Poderá participar nunha Poxa Electrónica Xudicial calquera cidadán interesado que se rexistre no Portal de Poxas Electrónicas no Boletín Oficial do Estado.
Agás nos casos de Xustiza Gratuíta, para acreditar a participación nunha Poxa cumprirá ingresar o 5 % do valor de taxación dos bens. Esta consignación realizarase por vía electrónica a través da pasarela de pagamentos da Axencia Tributaria a través do Portal de Poxas Electrónicas do Boletín Oficial del Estado.
Na seguinte ligazón pódese acceder ao Portal de Poxas Electrónicas Xudiciais na Axencia Estatal Boletín Oficial do Estado.
Poxas Xudiciais Electrónicas na Axencia Estatal Boletín Oficial del Estado
Desenvolvemento e terminación da poxa.
A poxa xudicial electrónica admitirá posturas durante un prazo de vinte días naturais desde a súa apertura. A poxa non se pechará ata que transcorra unha hora desde a realización da última postura, aínda que isto supoña a ampliación do prazo inicial de vinte días a que se refire este artigo durante un máximo de 24 horas.
O Letrado da Administración de Xustiza poderá cancelar ou suspender a Poxa. Se a suspensión da poxa por un período superior a quince días suporía a devolución das consignacións, retrotraendo a situación ao momento inmediatamente anterior á publicación do anuncio. A reabertura da poxa realizarase mediante unha nova publicación do anuncio coma se dunha nova poxa se tratase.
Na data do remate da poxa e con posterioridade a este, o Portal de Poxas remitirá ao Letrado da Administración de Xustiza a información compulsada da postura telemática que resultou vencedor, así como, por orde decrecente de contía e cronolóxica no caso de ser este idéntico, de todas as demais que optaron pola reserva de postura.
Unha vez rematada a poxa e recibida a información, o Letrado da Administración de Xustiza deixará cosntancia dela indicando o nome dos que participaron e das posturas que formularon.
No caso de ser o mellor ofertante, que prazo teño para pagar o prezo total que ofrecín polo ben poxado?
A lei establece uns prazos para que o mellor ofertante consigne a diferenza entre a cantidade ingresada inicialmente para participar e o prezo ofrecido. Estes prazos son de dez días cando se poxa un ben moble e de corenta días cando se poxa un inmoble. Estes prazos son de días hábiles, polo que non se computan sábados nin festivos. Cómpre ter en conta que, cando se ofreza unha cantidade inferior ao 50 % do valor dos bens mobles ou ao 70 % do valor do inmoble, o secretario xudicial deberá darlles ao acredor executante e ao demandado debedor a posibilidade de mellorar eses prezos. Por este motivo, non habería que ingresar a diferenza ata que non se verifique ese traslado ás partes sen que ningunha delas mellorase o prezo. Polo tanto, o Letrado da Administración de Xustiza deberá comunicar ao mellor ofertante cando comece o prazo para consignar a totalidade do prezo ofrecido.
Se neste prazo non se consigna o resto do prezo, é o que se denomina “quebra da poxa”, e podería producirse a perda da cantidade que se consignou.